Investigar e deseñar novas posibilidades de expresión tipográfica a través do xogo, a manipulación formal e a experimentación visual, aplicándoas ao contexto do deseño editorial como espazo de narrativa visual.
Obradoiro: Tipografía experimental aplicada ao deseño editorial
27 de setembro de 2025, de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 17:30h (duración 5,5h)
Inclúe auga, café, té, doces e froita durante todo o obradoiro.
PROGRAMA
O obradoiro propón unha exploración da tipografía experimental aplicada ao deseño editorial, entendendo a letra como forma, textura e xesto visual. A través de referencias históricas e contemporáneas, analizaranse estratexias que rompen coa norma tipográfica para xerar novas narrativas visuais. Traballarase con técnicas manuais e dixitais de manipulación tipográfica, explorando o equilibrio entre lexibilidade e expresión. Tomarase como referencia as revistas independentes, pola súa liberdade formal e enfoque autoral, para desenvolver propostas tipográficas ou de lettering que dialoguen con este tipo de publicacións. A peza final será unha aplicación tipográfica editorial individual ou colectiva onde texto e imaxe se entrelacen de forma libre e crítica.
DESTINATARIAS
O obradoiro está dirixido a estudantes de deseño gráfico, profesionais do deseño editorial, deseñadores tipográficos en formación e creadoras e creadores visuais interesados na experimentación tipográfica. Tamén é axeitado para persoas con interese na autoedición, na creación de fanzines ou publicacións independentes, que desexen explorar novas formas de narrar visualmente a través da letra. Non se require experiencia previa en deseño tipográfico, pero si curiosidade por romper regras, ganas de xogar coa forma e sensibilidade editorial.
MATERIAIS INCLUÍDOS
O obradoiro inclúe materiais básicos para a experimentación gráfica e editorial, como soportes de papel variados, ferramentas de corte e pegado, útiles de debuxo, recursos para collage e encadernación sinxela, así como exemplos impresos e acceso a medios de reprodución para facer probas.
Where?
Escola Unitaria
Calzada de San Pedro S/N
15703 Santiago de Compostela
Who?
Ana Moliz
For Whom?
N.º de prazas: 16
How Much?
EUR 60
Prerequisites
O alumnado deberá traer o seu propio ordenador portátil con software de deseño instalado (Adobe Illustrator, Photoshop e InDesign). O uso do software Glyphs non é obrigatorio, xa que todos os exercicios poden desenvolverse con Adobe Illustrator. Porén, aquelas persoas que dispoñan de Glyphs e desexen explorar a creación tipográfica dun xeito máis específico, poderán utilizalo libremente durante o obradoiro.
























































